O Museo da Minería e o poboado mineiro de Fontao conforman un conxunto patrimonial de gran relevancia na historia industrial galega. Situado na parroquia de Fontao, dentro do municipio de Vila de Cruces, o poboado foi concibido como unha auténtica cidade obreira vinculada directamente á explotación do wolframio. Este enclave, xurdido á calor da minería do século XX, conserva aínda a traza das construcións funcionais que daban vida a unha comunidade autosuficiente, organizada ao redor da actividade extractiva.
A historia de Fontao afunde as súas raíces en tempos antigos. Parece que xa en época romana se coñecían as vetas de estaño das ribeiras do río Deza na zona, e desde a Idade Media o topónimo aparece citado en documentos monásticos como “Villa Fíntanos”. Con todo, sería durante a Segunda Guerra Mundial cando a demanda internacional de wolframio converteu a Fontao nun punto neurálxico para a minería galega. Naquel período, empresarios, técnicos, obreiros e aventureiros conviviron nunha febre extractiva que transformou profundamente a paisaxe e a vida social da contorna.
Hoxe, o Museo da Minería de Fontao ocupa algúns dos edificios históricos do antigo poboado, como a capela e as escolas, restaurados e acondicionados en 2012. A súa exposición propón un percorrido pola historia técnica, económica e humana da minería do wolframio en Galicia, complementado cun museo exterior nos xardíns. Por outra banda, dispón dun auditorio, con capacidade de 170 butacas, que ocupa as dependencias do antigo cinema, que ademais conta con cafetería e tenda. As instalacións están adaptadas para persoas con movilidade reducida.
O obxectivo do Museo é a difusión do legado cultural relacionado directa ou indirectamente coa mina de Fontao mediante a recuperación de documentos, planos, publicacións, fotografías e testemuños relacionados con esta temática e velando pola conservación, recuperación e posta en valor do patrimonio industrial e mineiro das minas de Fontao. Co seu enfoque didáctico e a súa situación no corazón xeográfico de Galicia, o museo eríxese como un testemuño vivo do patrimonio industrial e da memoria colectiva de quen traballou nas minas de Fontao.