O mosteiro de Santa María de Aciveiro constitúe un dos referentes históricos e patrimoniais máis destacados do municipio de Forcarei e da comarca de Terra de Montes. Foi fundado o 4 de febreiro de 1135, segundo recolle unha inscrición conservada no propio edificio, baixo a tutela do rei Alfonso VII, e incorporado á Orde do Císter cara ao ano 1170. Desde a Idade Media foi considerado un dos mosteiros máis importantes da diocese compostelá, exercendo unha notable influencia relixiosa, económica e cultural en todo o territorio. O conxunto monástico presenta unha arquitectura sólida e austera, propia do espírito cisterciense, organizada ao redor de varios claustros e dependencias monásticas. Fronte á explanada principal álzanse os muros de perpiaño, levantados en distintas etapas históricas, con escasas aberturas na parte baixa e ventás nos niveis superiores, onde se situaban as antigas celas e estancias dos monxes. Destaca o claustro de procesións, o mellor conservado, de planta cadrangular, rematado por unha cornixa clásica con gárgolas e datado entre 1760 e 1769, obra do mestre canteiro Juan de la Fuente. No interior consérvanse espazos de gran interese como a sala capitular, a antiga biblioteca-arquivo, a hospedería de peregrinos, as cortes abovedadas e, de maneira especial, a cociña monástica, finalizada en 1801, considerada unha das dependencias máis singulares e mellor conservadas do mosteiro. Ao longo da súa historia, o mosteiro foi ampliado e reformado, especialmente nos séculos XVII e XVIII, mantendo o seu carácter funcional e autosuficiente, con fornos, celeiros, hortas e sistemas de abastecemento de auga. Tras a Desamortización do século XIX, o cenobio perdeu a súa función monástica, aínda que o seu valor patrimonial foi recoñecido máis cedo ao ser declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931, condición que hoxe se corresponde coa de Ben de Interese Cultural. Na actualidade, o mosteiro de Aciveiro funciona como hotel-monumento, unha rehabilitación que permitiu conservar e poñer en valor un dos conxuntos monásticos máis relevantes de Galicia.
Localización
Multimedia