Skip to main content

Museo etnográfico "Casa do Patrón"

Codesedo, 1
Categoría Museo

O museo etnográfico “Casa do Patrón” é un espazo dedicado a preservar e difundir a cultura tradicional galega, situado en Doade, Lalín, nunha contorna rural que combina historia, natureza e patrimonio. Con máis de 2.000 metros cadrados de exposición distribuídos en tres edificios, alberga máis de 4.000 pezas que reflicten a vida cotiá, os oficios e os costumes de Galicia durante os últimos tres séculos. Entre as súas 14 salas temáticas pódense percorrer reconstrucións dunha antiga escola, unha taberna, unha forxa tradicional, un forno e exposicións de oficios en desuso, amosndo como se organizaba a vida familiar e comunitaria no pasado. O museo integra tamén o patrimonio arqueolóxico da zona, destacando unha sala dedicada aos restos do castro de “O Penedo”, cuxa escavación e consolidación permiten coñecer directamente as estruturas habitacionais e defensivas dun asentamento da Idade do Ferro. Ademais, a Casa do Patrón mantén vivas prácticas tradicionais a través de proxectos anuais que recuperan actividades históricas como a sega do cereal, a malla, a matanza do porco ou o magosto, fomentando así a transmisión de coñecementos e costumes entre xeracións. O museo ofrece tamén unha experiencia participativa e educativa, con talleres de pan, queixo, cestería, cancións populares, sendeirismo e reciclaxe… A contorna do museo compleméntase coa área recreativa “Entre os Ríos”, onde se conservan varios muíños tradicionais restaurados e en funcionamento, e conta cun servizo de restaurante que ofrece comida caseira por encargo. O conxunto constitúe un espazo de referencia para coñecer a cultura tradicional galega, combinando patrimonio material e inmaterial, educación e turismo cultural.

Contacto
  • Codesedo, 1
    36519
  • Lalín
  • 986 787 340
Outros detalles
Duración da visita 2h